Lémbrome xa hai uns anos, que a Festa duraba pouco menos de catro días, sábado da Proba e fin de semana grande (dende o venres), claro que eran outros tempos. Agora todo téndese a extender coma un chicle, e eu non digo que a cousa sexa mala, vamos, prefiro cantos máis días de festa mellor, pero tamén é certo que cando algo dura de máis acaba perdendo intensidade e maxia, as cousas coma son.
A realidade é que ultimamente o Boi estase a converter en algo distinto ó que en esencia era. Dous pequenos feitos o confirman:
- A consagración do aspecto medieval da festa (polo menos nos seus primeiros días), dándolle un pulo máis na dirección doutras festas de tipo medieval (Istoria en Ribadavia, Arribada en Baiona, etc) que ultimamente abondan no noso país. Aspecto que require un post aparte. E
- a súa masificación e acelerada conversión nun macro-botellón xigante.
Este último punto é o que me leva a facer unha breve reflexión. Ven a conto un detalle que me ocurreu o ano pasado, suficientemente revelador do feito. Resulta que era o sábado a tarde antes da carreira do boi e atopábame pedindo unha cañiña porque a calor apretaba de máis, entón, dúas rapazas con cubilitro na man, gafas de sol a moda e pouca roupa acercaronse a min e me preguntaron pola festa da auga. Evidentemente, díxenlles a verdade: a festa esa era no mes de agosto, e que se trabucaran de localidade e provincia (Vilagarcía, Pontevedra). A súa cara o dicía todo.
O certo é que (anécdotas aparte) a charanga do sábado, entre outras cousas máis, pasou de ser a máis esperada da festa (polo ambente festivo, a auga ou o viño que se tiraba arreo pola calor ou para facer escarnio do coñecido sen que se dera conta, ese canto do esmajare popular e trapalleiro…) a converterse en algo que non ten que ser mellor ou peor, senon distinto, en algo masificado de máis e que igual xa non é tan divertido coma podía ser antes.
Do que moita xente fala, é que o sábado do Boi é, con probabilidade, o peor día da festa. Tanto de día coma de noite, con esas prazas de arriba e abaixo colapsadas, co Portelo ata arriba ou a Fonteiriña, desgraciadamente, ocupada con outros menesteres. Non é malo que a xente de fora veña, non é malo que a xente máis nova veña, non digades que o critico, por favor. A cousa está en que determinadas actividades (por exemplo as musicais de este ano na Praza do Concello o sábado a partires das 12 da noite, como leva facendo xa dende hai un tempo a Comisión) fomentan distintos tipos de xoldra, distintos tipos de ambente ou de xuventude, e o do ano pasado parecía máis unha reunión de pes negros que unha festa popular coma creo eu, e outros, que é o Boi. Igual é que no fondo son un xoven avellentado, igual é que teño nostalxia do Boi da miña infancia, igual é que vexo a palla no ollo axeo cando eu podo facer o mesmo noutras festas ou noutras ocasións, pero tedesme que decir que levo razón porque as cousas, xa sexan para ben ou para mal, cambian, e que o Boi que coñecimos cambiou, ou mellor dito, a xente que ven a desfrutar da Festa, cambiou.